martes, 21 de febrero de 2012

BALBINO. XOSÉ NEIRA VILAS. MEMORIAS DUN NENO LABREGO.

Xosé Neira Vilas - "Balbino"

"BALBINO"
(do libro "Memorias dun neno labrego")
- ¡NENOOOO! ...
- ¡Balbiiino!
Son as primeiras chamadas que recordo. Miña nai e maila tía Carme baixaban a valmontes polo agro. Aos seus berros batían na canteira que hai na outra banda do río. Sen facer caso de camiños nin arreiros corrían a treu, crebando millo.
Era despois de xantar. O sol queimaba. Zoaban irritados os tabáns.
- ¿Que será do neno?
- ¿Caería no río?
- ¡Ai, Sanantoniño nos vaia!
Na véspera dérame meu pai unha somanta por lle enfarruscar a cara con feluxe ao neno do señor. Un rapaz moi limpiño que come pantrigo, bebe leite con café e non se ter que erguer cedo para levar o gando a pacer. Me pai non quixo saber o que Manolito me fixera antes a min. "É o neno do señor e abonda".
Pero por máis que o sexa paréceme que non ten dereito a darme cos seus zapatiños nas canelas, nin cuspirme, nin dicir que se eles queren, nós teremos que deixar a casa e as leiras.
Coa rabecha deiteime sen cea e botei a noite esperto, chorando.
Tiven mágoa de min por ser un neno pobre. Os pobres de todo que andan polas portas esfarrapados, e ás veces ata rouban patacas ou millo para comer, están mellor. Aturan aos de fora, pero non aos da casa que queren andar ben co amo. Porque eles comerán ou non, terán ou non zocos, pero están libres do señor e de Manolito.
Pola mañá erguinme canda todos. Fun con meu pai ao monte. Notoume que andaba aqueloutrado pero non me dixo ren. E eu mostrei cara de ferreiro. Voltamos, sen dar fala, cando os bois comezaron a encrechar o rabo coa mosca.
Despois de xantar marchei para a eira. Seguiume a tía Carme, pero cando me veu rebalbado á sombra, no pallal, volveuse. Entón botei o cancelo fóra, atravesei o camiño e metinme no agro. Seguín por entre os renques de millo. Camiñaba de vagar. O millo cubríame. Xa non podían verme. A terra estaba dura.
Algúns cadullos esfarelábanse debaixo dos meus zocos.
Andei e andei. Debía estar preto do río pois chegou ata mín o balbordo da auga na presa do muíño.
Senteime. Quitei os zocos e desabotoei a camisa. Estaba canso e o sono venceume. Durmín un bo anaco, non sei canto, e acordei mentres soñaba que Manolito corría tras de min cunha escopeta.
-Poida que anden na miña busca - pensei. Pero non me importou. Meu pai zascábame sen ter por que e eu queríalle demostrar que non teño medo.
Por iso fuxira. E xa daquela teimaba irme para lonxe. Non quería aturar a Manolito.
Púxenme a facer moreas de terra. Sempre me gustou xogar coa terra. Estaba morna a da tona; a de máis abaixo gardaba algunha lentura. Primeiro fixen un valo; despois, unha ponte.
Unha ponte con follas de millo e barba de mazaroca por derriba, a xeito de chan e orelas. Foi cando oín que me chamaban. Erguinme de súpeto, pero voiteime a anagar.
- ¡Nenoooo!
Os primeiros berros viñan da banda do camiño, despois pareceume que saían do resío.
Seguín no meu trafego de amorear terra coas mans. Tamén contruín un forno, de croios, e arrinquei millán para poñerlle ao redor. Non me movería de alí. Fixen a promesa de fuxir para sempre da casa, se meu pai me voltaba a zoscar.
- ¡Balbinooo!
Sentino por miña nai, e pola tía Carme, pero que se amolen, elas tamén me tiñan bourado, e ademáis facíanme rezar.
Todos son contra min. Dende o padriño ara meu irmán Miguel, que inda na véspera de irse para América turroume dos pelos porque lle andei na caixa das ferramentas.
Pola tardiña andaban buscándome todos os da casa e tamén algún veciños. Berraban preto, lonxe, no agro e nas corredoiras. O meu nome foi e veu polo aire en toda a aldea.
Xa se fora o sol e aínda non me atoparan. Moita xente que non lle importaba de min, andaba na miña busca. Era coma se procurasen o raposo ou quixesen dar caza ao porco bravo.
Eu, mentres, seguia facendo pontes e fornos, xuntando croios, esfarelando cadullos.
Anoitecía cando sentín bafexar detrás do meu lombo, despois dun maino ruxido de follas de millo. Revireime. Era Pachín, o can. Pachín tamén me buscaba. E deu comigo. Traía a lingua fóra e viña fatigado. Achegóuseme con agarimo e comezamos a trizar os dous. Queríame falar. Queríame dicir dalgún xeito que me buscaban, e deille a entender que xa o sabía e que tanto me tiña. Pachín comezou a choutar ao meu redor.
Esbargalloume as pontes. Rifeille e quedouse engruñado, como pedindo perdón.
A noite caeu de súpeto sobre o agro. Barullaban os grilos e as ras. Esprequiceime. Puxen os zocos e, vagaroso, fun indo leiras arriba. Pachín ceibou un ladriño de amigo e seguiu á miña beira.Cando ía atravesando a horta, escoitei un berro lonxano que me chamaba. Entrei na casa.
Non había ninguén.
Semellaba un cemiterio. Unha campa baldeira.
Deiteime na cama. Soñei con Manolito e con meu pai. Os dous andaban a enredar un co outro e o señor divertíase. Mentres, eu choraba. Choraba e ninguén facía caso de min.
Ninguén ollaba as bágoas que me relucían nas fazulas, caían no chan e fuxían cara ó río por entre os renques de millo.
Pachín seguía á miña beira, como se quexese falarme ou chorar comigo.
Cando abrín os ollos vin máis de dez cara arredor de min.
Enxuguei as bágoas coa camisa. Pachín fitoume dende a beira da cama. Paseille una man polo pescozo e voltei a dormir.

ÉRASE UNHA VEZ. PACO RIVAS. POETA DE NOIS.